11.4.07

Hellas

Xa estamos na casiña. Despois de 21 días en Grecia, agora a volta á normalidade, ao traballo... o de sempre! Pasámolo ben. Corrixo: pasámolo moi ben. A viaxe estivo moi ben, pero estamos moooooooi cansos. Foi todo perfecto. Algo de sol, unha pouca chuvia en Atenas, moitas pedras a medio caer. É incríbel o que debeu ser Grecia. Non tivemos tanto tempo como nos gustaría e só puidemos ver Atenas, algunhas illas Cícladas do Exeo (Paros, Naxos, Santorini), Creta e outra vez Atenas.

Hai tanto que contar... Chegamos a Atenas, o día 21 e comezamos a decatarnos da verdadeira utilidade das clases de matemáticas e física na EXB e no Bacharelato: serven para aprender a ler. Era tan divertido descifrar as mensaxes! Pasamos catro días nun albergue de Pangrati, no centro ateniense. Despois, dende O Pireo (espectacular porto, cheo de mariñeiros, enormes barcos e tabernas marabillosas) collemos un barco cara a Paros, unha fermosa illa perdida no Exeo. Foi xenial porque aínda non había turistas. Estaba case todo sen montar, era como un inmenso parque de atraccións antes de abrir: andaban a pintar, arranxar casas e preparar todo para as seguintes semanas (aínda era marzo). Dende alá fomos a Naxos, que é algo maior, pero aínda moi manexábel. Cando chegamos veunos esperar ao peirao un señor co seu 4x4 para levarnos á Pensión onde durmimos. Mentres iamos de camiño explicounos que a manifestación que había contra a ampliación do porto de Naxos (aprox. 8123 habit.) era cousa de "catro idiotas que non teñen nin idea de nada". Logo de deixar as cousas no apartamento baixamos ao peirao para unírmonos á mani cos milleiros de estudantes e señoras de rigoroso loito que tamén o facían. Estas illas gustáronnos moito. E logo, outro barco a Santorini. (Tranquis! O noso barco non era o supercruceiro que afundiu. Nós fomos cinco días antes.) Santorini é precioso, pero xa se vía máis orientado cara ao turismo. Foron tres noites e durmimos en tres sitios diferentes: no coche que alugamos, nunha pensión e nun apartamento. Creo que despois de bañármonos nas supostas "augas termais", ao pé do volcán que máis recentemente entrou en erupción en Europa, estabamos preparados para calquera cousa.

Collemos un barco (este foi un catamarán superrápido que ía polo aire -literalmente- en moitos momentos) e que nos deixou en Creta un par de horas despois. Creta é unha señora illa. Vimos as tres cidades principais (Héraklion, Rethymnon -non confundir con Ratibrón- e Hania). MOI MOI BONITAS! Tamén baixamos cara ao interior da illa, e na costa sur. Bañámonos no Mar de Libia, vimos a Garganta de Samaria e unha praias espectaculares de postal. Despois, o venres santo pola noite collemos un ferry enooooooooorme que nos levou de volta ao Pireo. Paseamos por Atenas (xa case unha vella coñecida) e comemos moi ben. Logo despedimos ao señor que marchaba para Berlín e fomos ao aeroporto para, ao día seguinte, coller o avión até Stuttgart.

Xa vos informarei da saída da Guía Plaza (primeiro na rede e logo en papel) onde aparecerán os lugares máis baratos e onde mellor se come no mundo coñecido.

Agora toca pórse a traballar, que nesta semana teño que rematar a preparación da excursión a Galiza. Imos estar de paseo por aí entre o 26 de maio e o 2 de xuño. Xa vos contarei como sae todo. Iremos pensando no vindeiro destino (Francia, China, Rusia... quen sabe?).
Apertas e bicos a mancheas!

p.s.- Déixovos dúas imaxes significativas (non sei se demasiado turísticas ou non) da viaxe: unha foto da mani en Naxos contra a ampliación do peirao e outra do sábado á noite no aeroporto.



1 comentarios:

rober disse...

Alégrome de que o pasarades taaaan ben. Fáiseme a boca mel lendo as vosas voltas polo mundo adiante!!Biquiños e apertas!!